RESULTADOS dos CAMPIONATOS DE GALICIA PC (24 e 25 febreiro, Ourense)

Grandes resultados os desta fin de semana na provincia ourensá, colleitados nos CAMPIONATOS DE GALICIA DE PISTA CUBERTA nas distintas categorías que tiveron lugar. Nesta ocasión, a representación do LUCUS CAIXA RURAL GALEGA conseguiu mellorar marcas persoais e volver a casa con varias medallas.

A xornada comezaba o sábado para as categorías SUB18 (xuvenil) e SUB20 (xunior). Nas primeiras horas da mañá, empezaban as probas de velocidade e pértega femininas. Encabezando ás nosas atletas, Adiaratou Camara conseguiría rematar na primeira posición a súa serie nas semifinais dos 60 m.l., cun tempo de 8.07, logrando un posto na final, na que remataría 3ª pese a non poder optar a medalla pola súa condición provisional de estranxeira. Na pértega, serían as homónimas Raquel Peña e Raquel López as que amosarían o seu potencial logrando o 1º posto por categoría, a primeira delas en SUB20 cun salto de 3.00 metros e, a segunda, no SUB18 feminino superando os 2.45 m., conseguindo as merecidas medallas de ouro. Raquel López repetiría na proba de lonxitude, na que cun mellor salto de 4.46 m. obtivo o 5º posto na súa categoría; a mesma na que a atleta Lucía López quedaría nunha 5ª posición na final dos 800 m.l., parando o crono nos 2:20.83.

No tocante ás probas masculinas, Andrés Dono e Santiago Rozas, nas semifinais dos 60 m.l., farían 7.66 e 7.41, respectivamente, pasando este último á final e conseguindo o 4º posto, cunha marca de 7.31. Andrés, que repetiría horas máis tarde na semifinal dos 200 m.l., conseguiría parar o crono nos 24.28, malia non obter un posto na final da proba, quedando entre as 7 mellores marcas rexistradas. Xavier Esteban, na altura, lograría alzarse co 2º posto, superando o listón nos 1.80 metros e levando consigo a medalla de prata.

Xa pola tarde, serían os nosos e as nosas lanzadoras do Club as que darían comezo á proba de peso. Nos homes, Pablo Sánchez faría 9.04 m. de marca, a mellor desta tempada e preto da súa mellor marca persoal, facéndose co 4º posto da proba, ao que seguiría Oliver Vázquez, na 5ª posición, cun lanzamento de 8.44 metros, tamén moi próximo á súa MMP. Na categoría feminina, o podio viría da man de Antía Novo, nova subcampiona galega cun mellor lanzamento de 5.72 metros, acadando a medalla de prata nesta proba. Xavier Esteban repetiría nas probas de salto, desta vez na pértega, proba que finalizou como subcampión da súa categoría e unha marca de 3.10, obtendo a súa segunda medalla de prata da xornada. Na proba dos 60 metros valados, Santiago Rozas proclamaríase campión galego co 1º posto na final, facendo unha marca de 8.43 e conseguindo a medalla de ouro.

No tocante ao domingo, foron as categorías menores (SUB10, SUB12 e SUB14) da Escola de Atletismo as que representaron ao LUCUS CAIXA RURAL GALEGA neste CAMPIONATO GALEGO DE PISTA CUBERTA, tamén en xornada de mañá e de tarde.

A categoría SUB10 estivo representada polas nosas benxamíns de segundo ano Marta Díaz e Adriana López nas probas de altura e peso, respectivamente. Malia ser a súa primeira vez nun campionato a nivel galego de pista cuberta, e os nervios que adoitan experimentarse nestes eventos deportivos, amosaron moita madurez e deixaron claro que o importante é desfrutar da xornada e da experiencia de poder formar parte deste campionato. En canto aos resultados, a primeira delas conseguiu superar unha altura inicial de 0.75 m., quedando nos 0.81 condicionada polos nervios, que non lle permitiron chegar á súa mellor marca persoal de 0.90 metros. A segunda, na proba de peso, logrou superar a súa mellor marca da tempada e facer MMP, cun lanzamento de 4.68 metros. Como representante masculino acudiu o benxamín Mario López, que con sete anos e no seu primeiro ano de atletismo conseguiu un posto nas semifinais dos 50 m.l. deste campionato galego, moi ilusionado e mantendo a súa marca de 9.19.

María Mourelle sería a encargada de representar á categoría SUB12 no seu primeiro ano como alevín, rematando a proba de lonxitude coa medalla de bronce e un mellor salto de 3.75 m., batindo a súa MMP.

Na derradeira categoría, como representante masculino da categoría SUB14, tamén no seu primeiro ano como infantil, destacaría Nicolás Núñez, disputando as probas de 60 m.v. e altura, converténdose –nesta última– no campión galego, logo de superar os 1.53 metros que lle daría a merecida medalla de ouro. En canto ás nosas atletas, Antía Pernas e María Quintela participarían nas semifinais dos 60 m.l., cuns tempos de 8.58 e 9.11, respectivamente, e na que a medalla de bronce sería para Antía na final, conseguindo facer unha marca de 8.56. María, de segundo ano, repetiría nos 500 m.l., proba que conseguiría rematar parando o tempo en 1:31.55 e facendo a súa mellor marca da tempada. Nas seguintes probas de medio fondo e fondo, serían Carla Díaz e Estela Díaz as encargadas de disputar os 1.000 m.l. e 2.000 m.l., resp. A primeira delas conseguiu rematar en 3:33.16, obtendo a 7ª posición; mentres que a segunda obtivo o 4º posto finalizándoa nun tempo de 7:34.08; ambas as dúas mellorando as súas marcas persoais e con boas sensacións durante a proba. Nos saltos, Eva Díaz participaría na lonxitude feminina e no triplo salto, tamén mellorando moitísimo as súas marcas persoais malia quedar ás portas do podio, con dous 4º postos que saben a vitoria, cunha destacada participación saltando 4.20 m. na lonxitude e 9.12 m. no triplo. Neste último, cun gran salto de 9.47 m., preto da súa MMP, alzaríase como campiona galega Antía Pernas, obtendo a medalla de ouro e a súa segunda da xornada.

En resumo, unha experiencia moi enriquecedora para todas e todos os atletas que viaxaron esta fin de semana á pista cuberta Expourense, desde as categorías maiores ás máis pequenas da Escola, varias medallas e moitas mellores marcas persoais, as verdadeiras vitorias destes/as grandes atletas que, día a día, traballan para conseguir mellorar.

GRANDE NORABOA!