RESULTADOS do CAMPIONATO DE GALICIA ABSOLUTO DE CLUBS (21 abril, Vigo)

Este pasado sábado 21 de abril citábanse no Estadio Municipal de Balaídos os 8 mellores equipos da nosa Comunidade Autónoma de Galicia para celebrar o XX CAMPIONATO DE GALICIA ABSOLUTO DE CLUBS, cita que inaugura a tempada de Aire Libre e serve para experimentar as primeiras sensacións de cara aos seguintes campionatos galegos. Ata a localidade pontevedresa viaxou o LUCUS CAIXA RURAL GALEGA cos seus equipos feminino e masculino case ao completo, coñece xa os resultados!

Nesta segunda quenda de competición por clubs, o LUCUS loitou por manterse nun merecido 5º posto, no total dos once equipos galegos que se presentaron nas distintas categorías, grazas aos 142 puntos conseguidos polas e polos atletas do Club (moi preto de 3º e 4º postos) e que, nesta ocasión, a maior parte deles pertencían á categoría cadete, experimentando este primeiro ano unha competición por equipos.

En canto á clasificación por sexos, o equipo feminino acadou un total de 76 puntos, facéndose coa ansiada quinta posición no ránking das mulleres, logo das participacións nas distintas probas, varias delas sen cubrir e a primeira experiencia de moitas atletas xóvenes, pero que non impediron que destacasen. A nivel persoal, a participación de Inés Valentín, atleta filial do Club Ourense Atletismo, conseguiu o 2º posto nos 5 km marcha, cun tempo de 25:30.19; Adiaratou Iglesias, que tamén obtería a segunda posición na proba dos 200 m.l., faría un rexistro de 26.42 e Carla Mourelle, aportou ao equipo un total de 7 puntos co seu mellor salto de lonxitude, alcanzando os 5.24 metros. Xa nos lanzamentos, foron Laura Copa (martelo, 39.02 m.) e Antía Novo (disco, 20.45 m.) as que aportarían á puntuación un total de 10 puntos coas súas cuartas posicións.

O equipo masculino, pola súa parte, loitaría –pese ás importantes baixas– por acadar o maior número de puntos posible, grazas á participación dos atletas máis xóvenes do club, que puideron experimentar esta competición e coller experiencia de cara ás seguintes. Na puntuación global, os 66 puntos conseguidos deixaríanos nunha sexta posición, a menos de dous puntos de quinto no ránking final. Miguel Pérez, cun rexistro de 15.00 nos 100 m.v. e Xavier Esteban, cun salto de 1.84 m. na proba de altura, sumarían un total de 18 puntos polos primeiros postos; aos que seguiría o segundo lugar de Pablo Modia na lonxitude, cun mellor salto de 6.83 e Oliver Vázquez na xavelina, cuxo lanzamento de 49.65 lle daría o terceiro posto.

Para rematar, cabe felicitar a ambos equipos pola súa participación, moitos e moitas das cales conseguiron mellorar as súas marcas persoais e outros/as permitiron sumar puntos nas distintas probas, co único obxectivo de axudar ao propio equipo e ao Club. NORABOA a todas e todos os que vos desprazastes e MOITO ÉXITO na tempada ao Aire Libre que, sen dúbida, vos traerá excelentes sensacións e moi boas marcas. Deixámosvos os resultados completos por se queredes botarlles unha ollada.

GRAZAS EQUIPO!!