RESULTADOS do MEMORIAL GREGORIO PÉREZ RIVERA (19 maio, Lugo)

O sábado 19 de maio tiña lugar nas Pistas de Atletismo de Lugo unha nova edición do XL MEMORIAL GREGORIO PÉREZ RIVERA, evento ao que os nosos e as nosas atletas non quixeron faltar e que serviu como escenario para acadar en diversas ocasións o podio e mellorar as súas marcas persoais. A xornada, que se disputou en horario de mañá e de tarde, rematou co logro de máis dunha quincena de medallas.

Comezando pola categoría feminina, destacou a participación das nosas lanzadoras do Club, coa medalla de ouro en martelo por parte de Laura Copa, cun mellor lanzamento de 37.07 m.; o primeiro posto de Alicia González no peso, cun rexistro de 11.40 m. e a primeira posición tamén para Uxía Sureda na xavelina, con 35.11 metros. Na proba de velocidade, sería Brenda Lence a protagonista da semifinal dos 100 m.l., mellorando a súa marca persoal e con pase directo á final, cun tempo de 13.09. Nos concursos, Ros Sureda destacaría no salto de altura, quedando na cuarta posición con 1.40 metros, posto que repetiría na lonxitude, cun mellor salto de 4.47 metros.

No que respecta aos rapaces, a categoría masculina non quedaría atrás nos resultados. De novo nos lanzamentos, destacarían nas probas de peso, con doblete na segunda e terceira posición para Pablo Sánchez (cun rexistro de 8.24 metros) e de Xavier Esteban (con 8.13 m.), respectivamente. O primeiro deles, repetiría podio na proba de martelo, desta vez no primeiro lugar, cun mellor lanzamento de 21.29 m.; a mesma posición que acadaría Raúl Rodríguez no martelo da súa categoría, cunha MMP de 44.55 metros. Continuando coas carreiras, sería na proba dos 100 m.l. onde o LUCUS conseguiría un triplete de medalleiros coa participación de Iago Núñez (11.42 de marca), Santiago Rozas (11.62) e Andrés Dono (11.63), resp. Nos 200 m.l., o bronce viría da man de Miguel Pérez, que conseguiu deter o crono nos 22.73 e sumaría outra medalla nos 110 m.v., coa primeira posición e un tempo de 14.67. Nesta mesma proba de 110 m.v., uns centímetros máis baixas, protagonizarían o podio novamente Santiago Rozas (14.76) e Xavier Esteban (18.24); liderando os 400 m.v. Iago Núñez, que acadaría o primeiro posto con 55.90 de marca. Medalla de ouro tamén a que levaría consigo Agustín Cordero, co seu remate dos 1.000 m.l. nun tempo de 2:44.62.

Pero a guinda da xornada sucederíase nos concursos, coa cuarta posición de Miguel Borrego na proba de altura, superando os 1.66 metros; a medalla de bronce no tripo salto, onde Diego Piñeiro saltou ata os 11.22 m. e, sen dúbida, o gran triunfo de Pablo Modia na lonxitude, conseguindo superar a súa MMP ata o momento e unha tempada marcada polo esforzo e a superación, volvendo con máis forza que nunca e logrando un salto de 7.26 m., a escasos centímetros da mínima para o Campionato de España e recuperando as boas sensacións. Podedes consultar os resultados completos desde a imaxe posterior.

NORABOA A TODOS/AS!!
Non esquezas compartir en...
Share on Facebook
Facebook
Tweet about this on Twitter
Twitter
Email this to someone
email