RESULTADOS do CROSS NACIONAL PONTE ROMANA (25 novembro, Lugo)

Grande fin de semana para a familia do LUCUS CAIXA RURAL GALEGA!!

No día de onte, domingo 25 de novembro, viviamos a merecida homenaxe ao noso Tito Margaride, nunha terceira edición do CROSS NACIONAL PONTE ROMANA que nos deixaba moi boas sensacións e un ambiente do máis emotivo para o Club.

A xornada comezaba ás 10:00 horas coa categoría SUB16/cadete feminina, na que Mariña Peixoto (00:06.08) e Carla Díaz (00:06.13) lograban rematar os 1.500 metros entre as dez primeiras, ás que seguirían de preto Eva Díaz (00:06.49), Sara Álvarez (00:06.52), Amina Carracedo (00:06.57), Mercedes Vila (00:07.00) e Daniela Rebolo (00:07.10). Na SUB20/xunior feminina sería Carlota Ansede a cuarta en cruzar a meta, logo de facer 3.000 metros nun tempo de 00:13.16; quedando cuarta tamén Emma Iglesias (00:13.49) na categoría máster.

© Cross Nacional Ponte Romana

Na quenda dos SUB16 masculino, Rubén Darriba (00:11.48) e Óscar López (00:12.08) remataban os 3km da súa carreira quedando entre os dez primeiros clasificados. Aos que seguirían, percorrendo 4.000 metros, a categoría SUB20 masculina con Kevin Darriba (00:13.57) na quinta posición e os veteráns Ángel Rabade (medalla de bronce co seu rexistro de 00:14:03), Gerardo Raposo (00:15:21) e Manuel Sánchez (00:16:41).

© Cross Nacional Ponte Romana

Arredor das once da mañá daban paso ás carreiras das categorías menores, nas que os e as atletas da nosa Escola de Atletismo non quixeron perder a oportunidade de participar. Desde a SUB8/prebenxamín ata a SUB14/infantil, un total de sesenta nenas e nenos foron acadando moi bos rexistros nesta primeira proba da tempada, que lles permitía experimentar sensacións e poñer en práctica o traballo realizado ata o momento, nunhas carreiras contra si mesmos/as co obxectivo da mellora persoal; destacando varios postos entre os dez primeiros e o podio conseguido na SUB12/alevín masculina.

© Cross Nacional Ponte Romana

En canto ás carreiras absolutas, grandes protagonistas deste Cross, sería a recén chegada Laura Santos a que loitaría os 8.000 metros da carreira feminina, conseguindo a segunda posición absoluta cos seus 00:30.07 e a medalla de ouro como SUB23/promesa. Podio que tamén acadaría Xabier Rodríguez (00:30:20) na categoría SUB23 masculina, rematando na terceira posición os 9km, xunto con Daniel Pérez (00:30:58) e Marco Fernández (00:37:05), no cuarto e sétimo postos, respectivamente. Loita compartida cos absolutos Juan Gude (cun crono de 00:29:57) e Xabier Díaz (00:31:20), que lograrían manterse nos primeiros postos ao remate do percorrido. Xa na popular mixta, nunha carreira de 4km, serían David Vila (00:19:25) e Carmen Novo (00:20:39) os encargados do peche desta edición do Cross. 

Pero, sen dúbida, o momento máis esperado da xornada era a gran homenaxe a Tito Margaride, a quen parte do LUCUS CAIXA RURAL GALEGA quixo acompañar e amosar todo o noso apoio, lembrando varias anécdotas da súa carreira deportiva e compartindo a súa ilusión, especialmente acompañado polo seu adestrador e amigo, Mariano Castiñeira, e o fiel seguidor dos seus pasos, Miguel González Carballada. Este último, sería o encargado de recoller o premio ao CLUB CON MÁIS PARTICIPANTES en meta que, grazas a todas e a todos vós, nos outorgaban ao remate do evento, sendo o mellor representante e padriño que o Club podía ter neste gran día para a familia do Lucus.

© Cross Nacional Ponte Romana
© Cross Nacional Ponte Romana

Tedes os resultados completos na seguinte imaxe, xunto con máis fotografías da organización do Cross!

 

Moitas grazas, unha vez máis, a todas e todos vós por participar e acompañarnos neste día tan especial!