RESULTADOS dos CAMPIONATOS DE GALICIA DE CAMPO A TRAVÉS (27 xaneiro, A Rúa)

Bos resultados os da mañá de onte para as nosas e os nosos atletas desprazados ata a localidade de A Rúa, onde se disputaban os CAMPIONATOS DE GALICIA DE CAMPO A TRAVÉS ao longo da xornada.

A partir das 10:30 horas comezaban as primeiras saídas para as categorías menores, nas que os/as atletas SUB10, SUB12  e SUB14 vivían o campionato galego baixo o Memorial Alejandro Lorenzo, con percorridos entre os 800 metros e os 2.500m, respectivamente. Aínda que a participación por parte da Escola de Atletismo non foi moi numerosa, os resultados acadados foron moi positivos, con diversos postos nas primeiras posicións e bos tempos; destacando a categoría SUB12 feminina, que participou como equipo e obtivo o 5º lugar na clasificación e a SUB14 mixta, con participacións individuais destacadas.

© Fotografía realizada por A. Ben, xunto coa imaxe de portada.

De seguido, era a quenda da categoría SUB16, na que as rapazas remataban os seus 2.700 metros como subcampionas galegas por equipos, logo de sumar o esforzo das destacadas fondistas Claudia Gámez (10:16), Mercedes Vila (10:19), Mariña Peixoto (10:28), Carla Díaz (10:33), Ana Ben (11:00), Daniela Rebolo (11:24) e Amina Carracedo (11:26), cun total de 45 puntos que as subían ao segundo posto do podio e que, ademais, as clasificaba de xeito directo para o Campionato de España en Jaén. Nos homes, serían Rubén Darriba, Adrián Javier Pardo e Nicolás García os encargados de loitar nos seus case 4km de percorrido.

O relevo mixto poñía a guinda final arredor das 14 horas, nunha xornada do máis puro campo a través que inauguraba esta modalidade na categoría absoluta, cun circuíto de 7.800 metros. Esteban Iglesia, Laura Santos, Xavier Mora e Inés Blanco formarían o equipo do Lucus que lograba rematar cun tempo total de 24:33, converténdose nos terceiros clasificados e levando para a casa as súas medallas de bronce do podio.

Rematada a xornada, non quedaba máis que disfrutar do xantar en equipo e voltar con moita ilusión para casa, sabendo que cada un dos/as participantes deu o mellor de si. Podedes consultar os resultados completos do Campionato no enlace posterior.

GRANDE NORABOA A TODOS/AS!!

Dejar una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *