RESULTADOS dos CAMPIONATOS DE GALICIA SUB16 E MÁSTER PC (2 e 3 marzo, Ourense)

©Alberto Díaz.

A pasada fin de semana dábanse cita na Pista Cuberta de Ourense os CAMPIONATOS DE GALICIA SUB16 E MÁSTER EN PISTA CUBERTA, onde os/as atletas máis destacados/as da comunidade tiñan en xogo os títulos autonómicos nas distintas especialidades do atletismo galego.

Na xornada do sábado 2 de marzo o protagonismo estaba nos/as atletas SUB16 do Club, que debutaban no seu campionato galego como principiantes nesta nova categoría. Nos rapaces, Martín Rouco tomaba parte no peso, rexistrando un mellor lanzamento de 8.72 metros; mentres Rubén Darriba melloraba a súa marca persoal nos 3.000 m.l. detendo o crono nos 11:04.98, practicamente un minuto e medio por debaixo da súa anterior MMP. A categoría feminina impoñíase nos concursos, onde Eva Díaz lograba a medalla de bronce no triplo salto cun espectacular rexistro de 10.09 metros e mellor marca persoal, que a subían ao terceiro posto a nivel galego; MMP que repetiría nos 60 m.l., onde remataba con 8.67 nas roldas semifinais. Mafalda Becerra probaba sorte tamén no triplo, onde pese a non lograr unha mellora nos seus rexistros, saltaba ata os 8.91 metros e metíase entre as dez primeiras da proba. Os lanzamentos quedaban a cargo de Demekech Vázquez e Sabela Sureda, que finalizarían co peso a tempada de pista cuberta, rexistrando 7.26 e 7.13 m., respectivamente. E para rematar, a representación do LUCUS nas carreiras estaría en Sara Álvarez nos 600 metros lisos, que remataba con 1:53.67, experimentando novas sensacións nesta proba da categoría SUB16 e Carla Díaz, que loitaba nos 1.000 m.l. por superar os seus anteriores 3:29.12, rexistrando unha nova MMP de 3:25.50; como podedes revisar nos resultados completos da imaxe posterior.

©Lucus Caixa Rural Galega.
©Fotocarlosgrafías.

Pero a categoría máster tampouco quedaría atrás na disputa dos títulos galegos o domingo 3 de marzo, competición na que amosaron que a experiencia e a veteranía non son máis ca un grao e que os límites establécense contra un mesmo e unha mesma. Ros Sureda, pese a arrastrar molestias que lle impediron estar ao 100%, conseguía o dobre medalleiro nas súas probas, levando consigo a medalla de prata nos 200 m.l., cun rexistro de 33.00 e o título de campioa galega na lonxitude, cun mellor salto de 3.84 metros que lle daban a medalla de ouro. Dobrete fixo tamén Emma Iglesias, dominando as carreiras de 800 m.l. (da que resultou campioa galega con MMP de 2:47.63) e os 1.500 metros lisos (onde lograba a prata da súa categoría e detiña o crono nos 5:39.13). Se non era suficiente, Carmen Novo pechaba a participación feminina cun triplete de medallas de prata nas probas de 400 m.l. (con 1:35.97 de marca), os 800 m.l. (en 3:24.09) e os 1.500 metros lisos (rexistrando 6:45.81).

Os homes non andarían moi lonxe no medalleiro, quedando en familia o segundo triplete da xornada de atletismo por parte de Emilio Gontá, que se facía cos terceiros postos nos 400 e os 800 m.l., probas nas que rexistraba 1:34.93 e 3:35.55, respectivamente, e reservaba a medalla de prata para a carreira dos 1.500 metros, que finalizou en 6:59.78. Tamén nos 800 m.l. levaría a medalla de prata por categoría Manuel Sánchez, cos seus 2:30.46 de tempo; mentres Manolo Martínez inauguraba a súa tempada de pista cuberta cun lanzamento de peso de 7.55 metros, cos que retomaba o contacto coa competición. Para concluir coas carreiras, serían Juan Antonio Gude e Ángel Rábade os que dominaron a proba dos 3.000 m.l., na que subían ao podio coa medalla de ouro –o primeiro deles– e de prata –o segundo–, anotando 9:00.27 e 10:03.24 nos seus cronómetros ao paso pola meta. Xa nos 1.500 metros lisos, Xabier Díaz pecharía o medalleiro proclamándose campión galego de PC cun fantástico rexistro de 4:19.94. Tedes novamente os resultados completos aquí abaixo.

©AtletismoArenteiro (Instagram).
©Lucus Caixa Rural Galega.
GRANDÍSIMA NORABOA A TODAS E A TODOS!!

Dejar una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *