RESULTADOS do III MEDIO MARATÓN LUGO e CAMPIONATO DE GALICIA 10KM RUTA (domingo 12 maio)

Este domingo 12 de maio a especialidade de fondo protagonizaba os eventos deportivos da provincia ourensá e a capital lucense. Comezando polo evento local, a partir das 10:00 horas dábase o pistoletazo de saída á terceira edición do MEDIO MARATÓN CIDADE DE LUGO, desta vez da man de Alessandra Aguilar como madriña, á que acompañaron os padriños das edicións anteriores Abel Antón e Fermín Cacho, ambos os tres como participantes da carreira. Entre as case 700 inscricións, tomaron parte os atletas do Lucus Caixa Rural Galega cunha participación destacada; Esteban Iglesia facíase subcampión da carreira absoluta e medalla de ouro na súa categoría, rematando cun fantástico rexistro de 1:08.51. Rubén Arroxo sería o seguinte en cruzar a liña de meta, cun tempo de 1:27.50 que lle daba a 12º posición por categoría. Nos 1:43.07 era José Manuel Traseira o que remataba o percorrido, colándose entre os 20 primeiros da súa categoría e, para rematar, José Luis Merodio proclamábase campión por categoría cun espectacular cronómetro de 1:33.47. Deixamos os resultados completos no seguinte enlace, xunto cunha imaxe tomada pola organización.

Por outra banda, na localidade ourensá de Xinzo de Limia disputábase o CAMPIONATO DE GALICIA DE 10KM EN RUTA, con saída ás 10:40 horas do Pavillón de Deportes. Ata alí desprazáronse tamén diversos atletas do Club para competir nesta proba autonómica, logrando moi bos resultados. Paula Castro-Gil facíase coa medalla de ouro e o título de campioa galega na categoría SUB20, cun tempo de 44:11; mentres que o seu compañeiro de adestramento –Kevin Darriba– alzábase como subcampión na mesma categoría, rexistrando 38:12 que lle daban a medalla de prata. Na categoría máster serían Emilio Gontá e Carmen Novo os representantes do Lucus Caixa Rural Galega; Emilio conseguiría a medalla de bronce por categoría, cun rexistro de 52:39 e Carmen, na carreira feminina, faríase coa medalla de prata e un tempo de 53:03, que a convertían en subcampioa galega. Tedes na seguinte imaxe os resultados completos do Campionato.

NORABOA POLA VOSA PARTICIPACIÓN!!
Non esquezas compartir en...
Share on Facebook
Facebook
Tweet about this on Twitter
Twitter
Email this to someone
email

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *