III CONGRESO DE ADESTRAMENTO DE ATLETISMO (26 outubro, Madrid)

O pasado venres desprazáronse ata a localidade de Madrid varios dos nosos adestradores do Club e monitores/as da Escola de Atletismo para acudir ao III CONGRESO DE ADESTRAMENTO DE ATLETISMO, que tiña lugar na mañá e tarde do sábado 26 de outubro nas instalacións da Facultade de INEF.

Presentación do III Congreso de adestramento de atletismo.

A temática deste ano tiña como base a evolución do adestramento «Da escola de atletismo á elite» e «o adestramento da velocidade», con destacados ponentes que achegaron as súas experiencias e coñecementos ao gran número de asistentes, tanto alí presentes no acto como os que seguían as intervencións a través de internet.

A primeira delas foi Irene Pellicer, que motivou ao público cunha ponencia activa e enriquecedora sobre a influencia da actividade física na aprendizaxe e as emocións; á que seguiría o francés Pierre-Jean Vazel, contando a súa experiencia no adestramento de atletas mozos/as e de alto nivel; e despois complementaría Arturo Martín, adestrador de atletas destacados como o noso Adrián Ben e que actualmente atópase no Centro de Alto Rendemento de Madrid.

Representación galega no Centro de Alto Rendemento de Madrid.

A segunda parte da xornada centraríase na velocidade, coa oportunidade de comprobar nunha pequena demostración a utilidade de aplicacións novas que permiten personalizar o seu adestramento, adaptándoo individualmente a cada atleta e as súas características, na que Pedro Jiménez e Carlos Balsalobre foron os principais condutores; tanto da parte teórica como da práctica.

Para rematar, Valentín Rocandio exporía a perspectiva máis técnica do adestramento da velocidade cos mozos e mozas, pechándose o congreso cun coloquio entre os/as asistentes e os/as protagonistas das ponencias expostas, onde puideron resolver as dúbidas do público e seguir compartindo experiencias. 

En definitiva, e no que todas e todos os asistentes de seguro coinciden, resultou unha xornada do máis interesante da que os/as representantes do Lucus Caixa Rural Galega tomaron boa nota, co fin de seguir enriquecendo a súa formación e mellorando na súa práctica.

Graciñas por compartir tantos coñecementos e experiencias!

Dejar una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *