ADI IGLESIAS arrasa en Dubái, SUBCAMPIOA MUNDIAL!!

Aínda estamos que non o cremos!! Impresionantes os resultados da nosa Adi Iglesias Forneiro no CAMPIONATO DO MUNDO PARALÍMPICO que se está a desenvolver en Dubái desde o 7 de novembro ata este venres día 15, do que forma parte coa Selección Española nunha semana máis que intensa de emocións, boísimas sensacións e espectaculares logros.

Nesta competición a nivel mundial, a nosa velocista tomaba parte nas probas de 100 metros lisos, 200 m.l. e o relevo universal de 4x100m, deixándonos a todas e a todos atónitos ante cada novo récord que conseguía superar. Nas roldas semifinais dos 100 m.l. clasificábase por tempos co seu rexistro de 12.16, que ademais constitúa a segunda mellor marca da proba, pero sería ao día seguinte cando se proclamaba SUBCAMPIOA MUNDIAL, reducindo o seu tempo a 11.99 segundos que supoñían unha mellor marca persoal e a merecida medalla de prata.

A emoción non quedaría aí, pois na proba dos 200 m.l. lograba emocionarnos a todos/as con cada rolda, superándose a si mesma e establecendo un novo récord galego absoluto e SUB23 ata en tres ocasións, o que supón ser a galega máis rápida nesta modalidade ata o momento. O luns estreábase nas roldas eliminatorias co primeiro posto e un rexistro de 24.58, co que superaba a súa anterior MMP de 24.73 acadada esta tempada no Campionato de Galicia ao Aire Libre e establecía un novo récord galego absoluto. Ao día seguinte, repetiría o primeiro posto nas semifinais cunha nova MMP de 24.45, pulverizando o seu propio récord anterior e, xa pola tarde, recibía a segunda medalla de prata tras declararse novamente SUBCAMPIOA MUNDIAL, logo de rexistrar 24.31 na rolda final, triplicar a súa mellor marca persoal e establecer o récord autonómico definitivo da proba.

Por se fose pouco, hoxe participaba nas semifinais do relevo universal 4x100m co equipo español e conseguían clasificarse cun rexistro de 49.45, con moitas posibilidades de optar a medalla na rolda final da proba, que se disputará ás 20:55 hora local (17:55 hora española).

Como vos quedades? Nós non temos máis palabras para esta crack, GRANDÍSIMA NORABOA, ADI!!
Non esquezas compartir en...
Share on Facebook
Facebook
Tweet about this on Twitter
Twitter
Email this to someone
email

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *