FIN DE SEMANA DE PISTA, LANZAMENTOS E CAMPO A TRAVÉS (8 e 9 febreiro)

Fin de semana completa a que nos depara este mes, con competicións na meirande parte das especialidades do atletismo este sábado 8 e domingo 9 de febreiro. Por un lado, as categorías menores vivirán a última das xornadas da Copa Diputación de Lugo, con probas en pista cuberta e en aire libre; mentres que as demais categorías disputarán os campionatos autonómicos de pista cuberta, lanzamentos e campo a través, repartidos nas provincias de Pontevedra e A Coruña.


Comezando coa competición de menores, será o sábado na quinta xornada da COPA DIPUTACIÓN DE LUGO e participarán atletas das categorías SUB10 a SUB14, nunha mañá que dará comezo ás 10:15 horas coas probas interiores no módulo e rematará arredor das 14 h. coas carreiras de aire libre. A continuación deixámosvos o horario matinal e enlaces de interés como o regulamento, as listas de saída e a relación de atletas, onde podedes consultar as probas nas que están inscritos/as.

HORARIO

Pista Cuberta

Aire Libre 

 

O mesmo sábado estaremos tamén presentes no CAMPIONATO DE GALICIA SUB18 EN PISTA CUBERTA, que esta edición terá lugar no Pazo dos Deportes de Riazor, na provincia coruñesa. Preto das 11:00 horas dará comezo coas distintas carreiras e concursos, nunha xornada que ocupará a mañá e a tarde e ata onde se desprazarán seis atletas do Lucus Caixa Rural Galega para loitar polo título nas súas especialidades.

Narciso Fernández debutará nos 50 metros lisos con Diego Piñeiro, compañeiro de adestramento que ademais repetirá no triplo salto. Nas rapazas, Brenda Lence protagonizará a velocidade, tomando parte nos 50 m. l. e nos 200 m. l., nesta última proba xunto coa compañeira Iria Brea. Nos 3.000 metros será Lucía Varela a que represente ao Club e, xa no salto de lonxitude, estará na loita polo podio Carla Mourelle.

Deixámosvos toda a información relativa ao Campionato nos enlaces posteriores. Lembrade que a saída desde Lugo será ás 8:30 horas diante da Cruz Vermella, con comida alí e volta ao remate da competición.

 

A categoría máster tamén terá representación do Club no CAMPIONATO DE GALICIA PÉNTATLON DE LANZAMENTOS MÁSTER, que será acollido nas instalacións do Centro Galego de Tecnificación Deportiva de Pontevedra, en horario de tarde, a partir das 16:00 horas. 

Ata alí se desprazarán Marta Sureda e Manuel Martínez para tomar parte nas distintas especialidades dentro do sector, entre os que destacan o lanzamento de martelo, peso, disco, xavelina e martelo pesado. Tedes máis información nos seguintes enlaces.

 

Xa o domingo, tamén nos lanzamentos, participará nas probas de xavelina, disco e martelo o noso atleta Martín Rouco, tomando parte no CAMPIONATO DE GALICIA DE INVERNO DE LANZAMENTOS SUB16 e SUB18. Vilagarcía de Arousa será a sede pontevedresa deste autonómico, nunha xornada que comezará a partir das 10:00 h. e rematará pasadas as 18 horas da tarde.

 

Por último, rematando esta fin de semana intensa, disputarase o CAMPIONATO DE GALICIA DE CAMPO A TRAVÉS para a categoría absoluta, SUB23 e SUB20, na localidade de Narón (A Coruña). Representando ao Lucus Caixa Rural Galega estará un grupo maiormente masculino, que tomará parte nas distintas categorías e loitará polos títulos autonómicos individuais e por equipo.

Laura Santos tomará a saída ás 11:50 horas na carreira absoluta feminina, cun percorrido total de 10.000 metros no que perseguirá repetir podio, como sucedera na edición pasada na súa categoría. Na carreira masculina absoluta, que comezará ás 12:55 h. e comparte circuíto coa anterior, serán Juan Gude, Xabier Díaz, Nicolás Arrojo, Xián Rodríguez, Esteban Iglesia, Daniel Pérez e Xabier Rodríguez os participantes do Club; mentres que os atletas Agustín Cordero e Hugo Martínez serán os representantes da categoría SUB20, cunha carreira que remata nos 5.500 metros.

Deixámosvos o regulamento da xornada e os enlaces para ir seguindo os resultados en directo.

 

Sen máis, moito éxito a todas e todos nesta fin de semana, vós podedes!

Dejar una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *