GRANDES RESULTADOS NAS PROBAS DE FIN DE SEMANA (8 e 9 febreiro)

Despois da intensa fin de semana que vivimos onde se disputaron probas de pista cuberta, aire libre e campo a través, chega o momento de facer un resumo dos resultados recollidos en todas elas, con moi boas marcas e varias medallas para os/as atletas que se desprazaron ao longo da comunidade galega.

© Federación Galega Atletismo.

A localidade coruñesa acollía o CAMPIONATO DE GALICIA SUB18 EN PISTA CUBERTA, de onde volveu con varias medallas o equipo desprazado do Lucus Caixa Rural Galega. Carla Mourelle, protagonista no salto de lonxitude, volvería á capital coa medalla de bronce da proba tras facer un mellor salto de 5.16 metros, manténdose no seu mellor rexistro da tempada. Nos 3.000 metros lisosLucía Varela facíase coa medalla de ouro logo de manter a primeira posición na carreira e rexistrar unha nova marca persoal de 10:55.64, superando a barreira dos 11 segundos que levaba como MMP. E, xa na velocidade, Brenda Lence era a encargada de repetir podio coa terceira posición nos 50 metros lisos, que lle daría a medalla de bronce cunha marca de 7.06 na final e de 7.01 nas roldas anteriores, actualizando o seu mellor cronómetro ata o momento; e a segunda posición nos 200 m. l., no que volvía superar a súa MMP na proba e detía o crono nos 27.27 segundos, obtendo a medalla de prata con 27.31 na rolda final. Tamén destacou Narciso Fernández nos 50 m. l., que remataba segundo da súa serie nas eliminatorias e rexistraba 6.59 na rolda semifinal; Diego Piñeiro, que repetía participación nos 50 metros valados (segundo na súa serie con 8.09) e no triplo salto (coa cuarta posición e un mellor salto de 11.80 metros) e Iria Brea, que tomaba parte nos 400 m. l. e finalizaba segunda da súa serie na rolda final, cun tempo de 1.07.28, preto da súa mellor marca.

© Federación Galega Atletismo.


De xeito paralelo, tivo lugar nas pistas coruñesas un CONTROL DE INVERNO DE PISTA CUBERTA no que tomaba parte a xovencísima Antía Pernas, atleta de primeiro ano na categoría SUB16 que rexistrou 6.78 segundos na proba de 50 m. l., conseguindo a primeira posición e ratificando a marca mínima para participar no Campionato de España SUB16 de Pista Cuberta.


© Federación Galega de Atletismo.

No sector dos lanzamentos, bos resultados para os/as atletas veteráns do Club que se desprazaban ata Pontevedra para disputar o CAMPIONATO DE GALICIA PENTATLÓN DE LANZAMENTOS MÁSTER, nunha xornada completa na que o fundamental é sumar puntos no conxunto de probas para facerse co título galego. Así o fixo Marta Sureda, que rematou coa medalla de ouro na súa categoría logo de conseguir 2.263 puntos, converténdose na actual campioa galega tras manterse nas primeiras posicións ao longo da competición. Manuel Martínez, pese a conseguir os terceiros postos nas probas de martelo e xavelina, consolidaría a quinta posición na súa categoría tras obter un total de 2.053 puntos.


O domingo sería a quenda de Martín Rouco, atleta SUB16 que tamén competía na provincia pontevedresa, desta vez no CAMPIONATO DE GALICIA DE INVERNO DE LANZAMENTOS para a súa categoría. Aínda que o tempo non acompañaría na mellora de marcas por parte dos/as participantes, conseguiría facerse co cuarto posto no lanzamento de martelo, rexistrando 32.93 metros e co título de subcampión autonómico na xavelina, cunha mellor marca de 30.75 m. que lle daban a merecida medalla de prata na proba.

© Federación Galega Atletismo.

A última das medallas viría da man de Laura Santos, que se convertía na campioa galega da categoría SUB23 no CAMPIONATO DE GALICIA DE CAMPO A TRAVÉS disputado en Narón. Cun tempo de 39:43 conseguía facerse coa medalla de ouro da proba, ademais de rematar na quinta posición da carreira absoluta. Na clasificación masculina, o primeiro en deter o cronómetro foi Juan Gude, logo de rematar os 10km nun tempo de 33:07, case entre as dez primeiras posicións da carreira. Seguiríano Esteban Iglesia, que rexistraba 34:26 na súa volta á competición tras un pequeno parón por saúde, Xián Rodríguez con 35:12 minutos, Xabier Díaz e os seus 35:20 e Daniel Pérez, cun tempo de 35:48; acadando a sexta posición por equipos na clasificación xeral autonómica. Na categoría SUB23, Xabier Rodríguez remataba en 40:41 minutos, na 15º posición da carreira e, na categoría SUB20, serían Hugo Martínez e Agustín Cordero os representantes, que conseguían deter o tempo nos 17:58 e 18:47 minutos, respectivamente.

 

© Fotocarlosgrafías e Juan Pedrosa.

NON PODEMOS MÁIS QUE DARVOS A NORABOA!!
Non esquezas compartir en...
Share on Facebook
Facebook
Tweet about this on Twitter
Twitter
Email this to someone
email

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *