RESULTADOS DOS CAMPIONATOS NACIONAIS E AUTONÓMICOS (15 e 16 febreiro)

Fin de semana de competicións para o sector dos lanzamentos e as probas de pista cuberta, nas que os nosos e as nosas atletas tomaron parte a nivel autonómico e nacional e onde tamén tivo lugar a última das xornadas da Copa Diputación de Lugo, con resultados destacados e diversos podios.

Ata a localidade de Salamanca desprazáronse tres representantes do Lucus Caixa Rural Galega para disputar o CAMPIONATO DE ESPAÑA SUB23 EN PISTA CUBERTA, que tería lugar no sábado e na mañá do domingo.

Atletas nas instalacións de Salamanca.

Inés Blanco, mellorando en case dez segundos a súa marca persoal, remataba a proba dos 1.500 metros cunha nova MMP de 4:50.12, coa que quedaba na sexta posición da súa serie na rolda semifinal. Laura Santos, pese a levar un bo rexistro, tiña que abandonar nos 3.000 metros; mentres que Santiago Rozas actualizaba por partida dobre a súa mellor marca nos 60 metros valados, proba na que detiña o cronómetro con 8.51 segundos na rolda eliminatoria e 8.67 nas semifinais, con boas sensacións e un excelente estado de forma.


Por outro lado, a provincia de Pontevedra acollía na xornada do sábado o CAMPIONATO DE GALICIA ABSOLUTO DE LANZAMENTOS LONGOS, no que tamén disputaban o título as categorías SUB23 e SUB20. Cinco foron as lanzadoras e lanzadores desprazados para participar nas probas de martelo, disco e xavelina e loitar polos títulos autonómicos de inverno. Na categoría masculina, Raúl Rodríguez conseguía o pleno nos tres lanzamentos da categoría SUB23; no disco, remataba subcampión galego cun mellor rexistro de 30.98 metros e sería no martelo e na xavelina onde obtiña as medallas de ouro, subindo ao podio como campión galego logo de lanzar os artefactos ata os 42.22 m. e os 44.78 m., respectivamente. En disco participaba tamén o compañeiro Iván Rey, que rexistraba 34.63 metros e a quinta posición absoluta.

© Federación Galega Atletismo e Celta Atletismo.

Marta Sureda, xa na clasificación feminina, tomaba parte no lanzamento de disco onde rexistraría 26.50 m. e repetiría no martelo, cunha mellor marca de 24.24 metros. Nesta última proba, a compañeira María Quiroga proclamábase subcampioa galega da categoría SUB23, cunha marca de 34.39 m. coa que actualizaba a súa MMP e levaba a medalla de prata. Uxía Sureda, na proba de xavelina, repetiría a medalla de prata cun mellor lanzamento de 33.42 metros e o título de subcampioa autonómica. Podedes consultar os resultados completos da xornada no enlace directo.


Hugo Martínez co equipo SUB20 galego.

Ademais do mencionado, tivemos tamén participación na localidade de Torrevieja (Alicante), onde Hugo Martínez disputaba o CAMPIONATO DE ESPAÑA DE MARCHA POR FEDERACIÓNS AUTONÓMICAS, representando á Comunidade de Galicia na categoría SUB20. Sería o segundo atleta en cruzar a liña de meta do equipo galego, cun tempo de 50.32 que axudaría a manter a sétima posición conseguida na clasificación final da proba.

Mentres tanto, as pistas de atletismo locais acollían a última das xornadas da COPA DIPUTACIÓN DE LUGO, que serviría como toma de contacto e control de marcas para gran parte dos/as atletas da provincia, participando nas distintas probas de pista cuberta e aire libre disputadas. Deixámosvos os resultados completos na imaxe posterior.

REPETIMOS A NORABOA, ATLETAS, A SEGUIR TRABALLANDO!
Non esquezas compartir en...
Share on Facebook
Facebook
Tweet about this on Twitter
Twitter
Email this to someone
email

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *