MÁIS MEDALLAS E NOVO RÉCORD GALEGO | RESULTADOS DOS AUTONÓMICOS DE LANZAMENTOS

Despois das últimas competicións que tiveron lugar este pasado domingo, o sector dos lanzamentos despedía a súa tempada de inverno por todo o alto, rexistrando un novo récord galego e moi boas marcas nas distintas categorías que, pese á situación sanitaria, puideron disputar sen problemas os respectivos campionatos autonómicos nun entorno seguro e con todas as medidas de prevención.

 

O lugar escollido foi a localidade de Pontevedra, onde a finais de febreiro tiveron o seu momento as categorías SUB16 e SUB18 no CAMPIONATO DE GALICIA DE INVERNO DE LANZAMENTOS DE MENORES, concretamente no Centro Galego de Tecnificación Deportiva, que acollería tamén os autonómicos das demais categorías.

Xiana Ulloa estreábase na categoría SUB16 conquistando a medalla de prata na xavelina, cun mellor rexistro de 23,91 metros que a subían ata o segundo posto do podio autonómico. Unha situación semellante viviron Alicia García e Candela Fernández, que no seu primeiro ano como atletas SUB18 lograban o 4º e 5º postos no lanzamento de disco, enviando o artefacto ata os 21,12 metros e os 20,44 m, respectivamente. Na clasificación masculina, Martín Rouco inauguraba a categoría SUB18 con dúas medallas de bronce, logo de repetir 3º posto na proba de disco, cun mellor lanzamento de 26,35 m e no martelo, no que lograba un rexistro de 33,44 m.

©Imaxes tomadas de Fotocarlosgrafias e La Voz de Galicia.

(Xornada de mañá)

(Xornada de tarde)

 

Días máis tarde, a comezos de marzo disputaríase o CAMPIONATO DE GALICIA DE INVERNO DE LANZAMENTOS LONGOS, onde tomaba parte a nosa lanzadora Uxía Sureda na proba de xavelina. Nunha xornada completa de mañá e de tarde, finalizaba a competición cun mellor lanzamento de 36,66 metros, convertíndose na 4ª mellor atleta da categoría SUB23 e a 8ª mellor marca a nivel galego.

©Fotocarlosgrafias. lmaxes de arquixo de Uxía Sureda.

 

E poñendo fin á tempada de inverno, este pasado domingo 28 de marzo celebrábase o CAMPIONATO DE GALICIA DE PENTATLÓN DE LANZAMENTOS MÁSTER onde, sen dúbida, a nosa protagonista foi Marta Sureda, que se desprazou ata Pontevedra para tomar parte na súa categoría.

A competición disputouse en xornada única de mañá e non puido ter mellor resultado para a nosa lanzadora máster, que conseguía finalizar a clasificación cun total de 2.747 puntos. Marta, que xa o pasado setembro conquistara o récord autonómico no lanzamento de disco, rexistraba así un novo récord galego de pentatlón máster na categoría F50, superando o anterior por máis de 100 puntos e que levaba vixente desde o ano 2009. 

Comezaba a competición coa proba de martelo, na que conseguía un mellor lanzamento de 31,36 metros. No peso, lograba enviar o artefacto ata os 9,68 m. no seu rexistro máis longo. No disco, e logo de dous nulos, lanzaba 21,14 metros no seu terceiro intento. Remataba a xornada enviando a xavelina ata os 15,36 metros e o martelo pesado ata os 10,54 m. no seu mellor lanzamento.

NORABOA AOS LANZADORES E LANZADORAS DO CLUB!

Dejar una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *