A EXHIBICIÓN «SALTAR NA RÚA» POR PRIMEIRA VEZ EN LUGO – 12 OUTUBRO 2021

O próximo martes 12 de outubro terá lugar por primeira vez en Lugo a exhibición «SALTAR NA RÚA», unha actividade organizada polo Club, coa colaboración do Concello de Lugo, que pretende achegar o atletismo á poboación e promover a iniciación ao noso deporte.

 

©SGPontevedra. Pablo Modia nunha das edicións en Pontevedra.

Será a partir das 17:00 horas nos arredores do Auditorio Municipal Gustavo Freire e contará coa presenza de atletas referentes do atletismo a nivel autonómico e nacional, que ofrecerán unha pequena mostra das disciplinas salto de lonxitude, triplo salto e salto con pértega. Poderedes desfrutar da participación de actuais e futuras promesas do atletismo como Antía Pernas, Andrés López, Lucía Sánchez del Valle, Martín Vázquez ou Lisa Vosberg, así como de figuras xa consolidadas nas súas especialidades como Eva Queimaño, Pablo Modia, David Ferrer, Alexander Barreiro, Bea Viteri ou Santi Ferrer, entre moitos outros.

Seguindo o exemplo doutras localidades como Pontevedra, onde a Sociedad Gimnástica de Pontevedra comezou con esta iniciativa –xa convertida nunha importante cita anual–, decidimos facer un gran esforzo e levala a cabo en Lugo, agardando que teña unha boa acollida e animándovos a todas e todos a vir; prometemos que non vos arrepentiredes.

Presentación da actividade con Rubén Arroxo e Maite Ferreiro, representantes do Concello de Lugo.

O acceso ao recinto será libre e gratuito ata completar o aforo, así que non podedes perder a oportunidade de achegarvos e desfrutar deste espectáculo en vivo e en directo, nunha ocasión única na que poder observar os diferentes saltos tan preto do público. Animando a xornada estará tamén a agrupación musical Galician Army, que ofrecerá un concerto a partir das 21:30 horas no mesmo recinto.

AGARDÁMOSVOS, NON FALTEDES!

Dejar una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *