Bases

A Escola de Atletismo LUCUS CAIXA RURAL GALEGA xorde no ano 2006 co obxectivo de formar futuros e futuras atletas desde o deporte escolar. Desde esta institución, e en nome do Club, establécense unha serie de principios fundamentais que deberán servir como base e rexer o desenvolvemento da mesma, por parte de todas as persoas implicadas.

 

BASES E PRINCIPIOS FUNDAMENTAIS 

 

  1. Toda persoa que forme parte da Escola de Atletismo Lucus Caixa Rural Galega, participe ou estea relacionado coa mesma, deberá respectar e cumprir lexitimamente as bases e principios aquí expostos.

  2. Os e as atletas que pertenzan a ela estarán a cargo dos monitores e monitoras correspondentes, tendo sempre —como mínimo— unha persoa de referencia en cada unha das categorías presentes (prebenxamín, benxamín, alevín e infantil).

  3. O principal obxectivo é a formación dos nenos e nenas mediante o entretemento, buscando a súa iniciación ao atletismo, aprendendo as técnicas básicas e evitando a especialización prematura, así como criterios de adestramento para o rendemento óptimo; en ningún caso será someter aos atletas a adestramentos de alto nivel ou buscar futuras estrelas do deporte, senón desfrutar desta modalidade en grupo á vez que se divirtan e desenvolvan física e persoalmente de xeito global.

  4. De acordo co anterior, os/as atletas deberán coñecer e experimentar as distintas probas que constitúen o atletismo; non se permitirá a adxudicación e adestrametno exclusivo dunha proba específica; quedando a disposición do/a monitor/a esta decisión, co obxectivo de conseguir unha formación global e máis enriquecedora dos nenos e nenas.

  5. A través da Escola tratarán de fomentarse, ademais, hábitos de vida saudables; valores como a amizade, o compañeirismo e o respecto cara os iguais; así como o coñecemento dun deporte individual que pode practicarse e desfrutarse en equipo.

  6. A participación nas competicións que teñan lugar ao longo da tempada (como campo a través, pista cuberta ou aire libre) será de carácter voluntario —aínda que recomendable— para os/as atletas, e será responsabilidade do monitor ou monitora encargados.

  7. No caso de que algún ou algunha atleta, que se atope xa inscrito/a para participar nalgunha competición, non poida acudir a ela, deberá informar ao monitor/a responsable na maior brevidade posible e sempre con antelación; de non ser así, poderase non ter en conta a súa participación de cara a futuras competicións.

  8. Se os/as atletas deciden participar pola súa conta en competicións alleas á Escola, deberán informar ao monitor ou monitora correspondente desta situación.

 

Agradécese a colaboración e, para calquera ou suxestión, quedamos á vosa disposición.

Non esquezas compartir en...
Share on Facebook
Facebook
Tweet about this on Twitter
Twitter
Email this to someone
email
Share on Google+
Google+