Normativa

NORMAS XERAIS PARA ATLETAS

  • Acudir a todas as competicións para as que se requiran desde o Club.
  • Empregar a camiseta e o pantalón oficial do Club en todas as competicións, tanto oficiais como populares, así como nas cerimonias de entrega de premios.
  • Os novos e novas atletas adquirirán o chándal oficial do Club abonando o seu importe correspondente.

 

INSCRICIÓNS

As inscricións para as competicións oficiais (Campionatos Galegos e de España, individuais e por equipos) realizaranse a través do Club, mediante a opción dispoñible na páxina web ou de forma presencial na oficina.

A formalización de inscricións para Campionatos de España por parte de atletas que non teñan marca mínima de participación requerirán un estudo previo da Comisión Técnica.

Os/as atletas e os seus adestradores poderán realizar directamente a inscrición en carreiras populares. Nese caso, estarán obrigados/as a facelo en representación do Club Lucus Caixa Rural Galega.

 

DESPRAZAMENTOS

O Club correrá cos gastos de viaxe e, se fose necesario, estancia en pensión completa dos/as atletas, nos Campionatos por Equipos, Campionatos de España individuais e Campionatos Galegos individuais.

No caso de atletas con repesca nos Campionatos de España, estudarase cada caso concreto por parte do Club en relación coa viaxe e o cargo dos gastos da mesma.

O Club non pagará ningún tipo de inscrición para ningunha proba.

En todos os casos, as viaxes serán programadas ou autorizadas previamente polo Club.

Crearase unha Comisión Técnica formadas por tres persoas: a presidencia, a dirección técnica e un ou unha vocal. A Xunta Directiva delega na citada comisión as decisións concernentes a desprazamentos, autorización de gastos, dietas, casos particulares, excepcións e, en xeral, todo o relacionado con este apartado.

Os e as atletas do Club poderán solicitar dietas por manutención e desprazamentos, para os Campionatos Galegos e de España oficiais, sempre que se comparta o vehículo con atletas do Club que viaxen á mesma competición. Para os desprazamentos a outras competicións ou controis, requírese o visto e prace da devandita Comisión Técnica.

Os e as atletas veteráns non terán dereito a dietas, agás que participen en categoría absoluta con marca mínima de participación ou en competición por equipos.

Establécense as seguintes dietas:

  • Manutención (con factura e xustificante)
    • Almorzo: 3€
    • Xantar ou cea: 12€
  • Desprazamentos: 0,15€/km
    • Requírese o visto e prace previo da Comisión Técnica coa finalidade de coordinar desprazamentos con atletas que asistan á mesma competición.
    • As solicitudes de dietas por desprazamento serán previamente estudadas pola Comisión Técnica.
    • Estas dietas inclúen todos os gastos orixinados polo mesmo.

Cando o club programe un desprazamento de forma conxunta, non se pagarán viaxes en coche particular, salvo casos excepcionais debidamente xustificados con anterioridade.

Os e as atletas poderán solicitar ao Club o modelo de impreso de xustificación de gastos que deberá ser cuberto por toda persoa que pretenda o reembolso de gastos por parte do Club, que tamén está dispoñible nesta páxina web.

O impreso deberá ser remitido ao Club sempre dentro dos 15 días seguintes á celebración da competición. Os xustificantes que deberán acompañar este impreso (facturas ou semellante) terán que ser presentados a nome do Club coa seguinte referencia:

NOME: Club de Atletismo Lucus Caixa Rural Galega.

CIF: G-27033836

ENDEREZO: Estadio de Atletismo Gregorio Pérez Rivera. Avenida Filarmónica Lucense.

 

DOCUMENTACIÓN A APORTAR POLOS NOVOS/AS ATLETAS

  • Impreso a dobre cara da licenza e de tratamento de datos da RFEA/FGA debidamente cuberto e asinado, que solicitará ao adestrador ou no local do Club.
  • Unha fotografía tamaño carnet.
  • Resgardo do ingreso da cota anual (90€).
  • Fotocopia do DNI e, no caso de ser menor de idade, fotocopia do DNI da nai/pai/titoría legal.
  • Atletas estranxeiros/as deberán presentar ademais un certificado de empadroamento.

Os novos e novas atletas deberán adquirir obrigatoriamente o novo chándal oficial do Club (50€), que ingresarán ao número de conta do Lucus (ES86 3070 0001 2111 3726 5623) indicando en CONCEPTO: CHÁNDAL + NOME COMPLETO ATLETA.

 

Prégase encarecidamente prestar a máxima atención a estas normas, quedando a Xunta Directiva a disposición de toda persoa interesada para calquera dúbida ou cuestión.

Non esquezas compartir en...
Share on Facebook
Facebook
Tweet about this on Twitter
Twitter
Email this to someone
email
Share on Google+
Google+