RESULTADOS dos CAMPIONATOS DE ESPAÑA PC (2, 3 e 4 marzo)

Comezamos este luns cos excelentes resultados acadados nos CAMPIONATOS DE ESPAÑA que tiveron lugar esta pasada fin de semana en Salamanca e Ourense, para as categorías máster e SUB20 (xunior).

A xornada do CAMPIONATO DE ESPAÑA MÁSTER daba comezo a tarde do venres coas primeiras probas desta fin de semana na localidade de Salamanca, que remataría na mañá do domingo. Tras o abandono de Juan Antonio Gude na proba dos 3.000 m.l., sería Xabier Díaz o único representante do LUCUS CAIXA RURAL GALEGA, que remataría a súa serie cun tempo de 9:30.62, preto da súa mellor marca da tempada.

Pero, sen dúbida, a vencedora absoluta deste campionato sería a nosa atleta feminina Ros Sureda, que conseguiría colgarse as dúas medallas de ouro nas probas de altura e salto de lonxitude, sendo bicampiona na súa categoría, cunhas marcas de 1.32 e 4.29 m., respectivamente; esta última o seu mellor rexistro da tempada. Tamén destacou na proba dos 200 m.l., nos que rozou o podio cun 4º posto na categoría feminina, logo de quedar subcampiona da súa serie nas semifinais, cun tempo de 30.43 e rematar a final nos 29.90, ambas as dúas mellores marcas persoais desta tempada actual. Podes consultar os resultados completos na seguinte imaxe.

Na pista cuberta Expourense, os resultados tamén serían destacados no CAMPIONATO DE ESPAÑA SUB20 (XUN). Na xornada do sábado, Santiago Rozas remataría a súa serie eliminatoria dos 60 m.v. no 1º posto, cun tempo de 8.26, pasando ás semifinais que terían lugar nas últimas horas da xornada. Na semifinal, faríase co pase directo á final rematando a súa serie na terceira posición, cun tempo de 8.28 e, xa na fase final da xornada do domingo, acadaría o 7º posto cunha marca de 8.39.

En canto á categoría feminina, Adiaratou Iglesias remataría a súa participación nas rondas eliminatorias dos 60 m.l., cun tempo de 8.05, rondando o seu rexistro habitual.

NORABOA A TODOS/AS!!