MEDALLAS, ILUSIÓN E EXPERIENCIAS | RESULTADOS DAS ÚLTIMAS COMPETICIÓNS

Nestas últimas semanas están tendo lugar moitas das competicións que quedaran suspendidas o pasado febreiro, xunto coas que xa adoitan disputarse por estas datas. Como resultado, non hai fin de semana en que non se sucedan os distintos Campionatos que apuran a tempada de pista cuberta, ben a nivel autonómico como nacional. 

O sábado 20 de marzo, as instalacións de Expourense acollían o CAMPIONATO DE GALICIA SUB10, SUB12 E SUB14 EN PISTA CUBERTA, nunha xornada de mañá e de tarde na que as protagonistas foron as categorías menores. Ata alí se desprazaron case unha vintena dos nosos e das nosas atletas da Escola de Atletismo, que viviron unha experiencia única, para moitos dos cales era a primeira vez da tempada e da categoría, polo que a ilusión e o nerviosismo estiveron presentes a partes iguais nunha competición chea de emocións.

Aínda que os resultados obtidos foron o de menos, sorprenderon levando consigo un total de seis medallas autonómicas e, incluso, repetindo o podio en dúas ocasións. Nos enlaces posteriores podedes consultar os resultados completos e volver a ver os vídeos da retransmisión en directo, por se perdestes a ocasión de seguilo o sábado a través do Youtube da Federación Galega de Atletismo.

(xornada de mañá)

(xornada de tarde)

 

O mesmo sábado, na localidade asturiana de Oviedo, daba comezo a primeira das xornadas do CAMPIONATO DE ESPAÑA SUB16 EN PISTA CUBERTA, que remataría o domingo pola tarde.

Tres foron os atletas desprazados logo de acadar a marca mínima para tomar parte na competición nacional. Na categoría feminina, Antía Pernas lograba o pase directo á final dos 60 metros lisos co terceiro posto na rolda semifinal, marca que baixaría aos 7.95 na última carreira e que a convertían na 5º mellor atleta española da proba. Nos 60 metros valados, Martín Vázquez quedaba a piques de meterse na final co seu rexistro de 9.09 nas semifinais, obtendo o 5º posto da súa carreira pese a golpear o primeiro dos valos na saída. Teo de Frutos, pola súa parte, conseguía o 2º posto da Final B na proba dos 3.000 metros lisos, nunha carreira espectacular na que melloraba a súa marca persoal en máis de tres segundos, rexistrando 9:25.05 minutos.

Se perdestes a competición, podedes volver a vela nos enlaces posteriores, xunto cos resultados completos e máis imaxes tomadas pola organización do Campionato.

©Imaxes dos/as atletas SUB16 cos adestradores en Oviedo.

 

Durante esta fin de semana, tamén a nosa atleta Adiaratou Iglesias se desprazaba ata Gandía para participar no CONTROL ABSOLUTO FEDC, un evento organizado pola Federación Española de Deportes para Cegos que serviu de oportunidade para que os atletas con diversidade funcional visual puideran perseguir as marcas mínimas de cara aos Xogos Paralímpicos de Tokio, especialmente logo dunha tempada na que as competicións se viron paralizadas pola situación sanitaria.

Aínda que Adi xa contaba coas mínimas para os Xogos Paralímpicos, aproveitou a ocasión para probar sensacións e reencontrarse cos atletas máis destacados do ámbito do atletismo, entre os que se atopaban medallistas europeos, mundiais e paralímpicos. Na proba dos 100 metros lisos da clase T2, categoría á que pertence, rexistraba un tempo de 12.31 na rolda semifinal, marca coa que se mantivo na final, con 12.38 segundos que lle daban o primeiro posto da proba. Tamén primeira quedaría nos 200 metros lisos, onde detiña o cronómetro nos 25.02 segundos, facendo o mellor tempo das tres series que se disputaron. Tamén vos deixamos os resultados completos da competición no enlace inferior.

©Fotocarlosgrafias. Adi Iglesias nunha competición.

 

Xa na mañá do domingo, os sectores de medio fondo e fondo pechaban unha fin de semana atlética cos campionatos autonómicos das distintas categorías, que tiveron lugar nas instalacións deportivas de Pontevedra. No CAMPIONATO DE GALICIA DE MEDIO FONDO E FONDO MÁSTER, Ángel Rábade remataba os 3.000 metros lisos cun rexistro de 9:46.68, cruzando a liña de meta na cuarta posición da súa serie e obtendo o 5º posto absoluto da categoría M40. Na mesma proba, pero no CAMPIONATO DE GALICIA SUB20 E SUB23 DE 3.000M, Lucía Varela lograba un rexistro de 11:07.47 minutos, unha marca coa que se convirtía na 4º mellor atleta autonómica da categoría SUB20.

Tedes máis resultados e a retransmisión en vídeo do campionato nos enlaces inferiores, así como unha galería de imaxes tomadas por Fotocarlosgrafías.

©Fotocarlosgrafias. Imaxes de Lucía Varela e Ángel Rábade nunha competición.

 

GRANDE NORABOA POLA VOSA PARTICIPACIÓN, ATLETAS!
Non esquezas compartir en...
Share on Facebook
Facebook
Tweet about this on Twitter
Twitter
Email this to someone
email

Dejar una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *