RESULTADOS do CAMPIONATO DE GALICIA DE CLUBS SUB10/12/14 (17 maio, O Barco)

Non puideron ser mellores os resultados acadados no CAMPIONATO DE GALICIA DE CLUBS SUB10/12/14 para as categorías menores da nosa Escola de Atletismo, con tres podios dos catro equipos totais que representaron ao Lucus Caixa Rural Galega na localidade de O Barco de Valdeorras o pasado venres 17 de maio.

Na xornada matinal foi a quenda dos equipos feminino e masculino da categoría SUB12, que deron o mellor de si en cada unha das nove probas e destacaron especialmente nos relevos, ambos os dous conseguindo os primeiros postos na liña de meta. Como resultado, obtiveron a sexta posición na clasificación conxunta –dos 15 clubs participantes– con 123 puntos. De xeito individual, os rapaces conseguiron sumar 31.5 puntos, mentres que as rapazas dominaron cun total de 91.5 puntos, cos que se fixeron co segundo posto no podio absoluto da categoría e o título de subcampioas galegas.

Pola tarde sería a oportunidade da categoría SUB14, onde tanto o equipo feminino como o masculino non quixeron deixarlle as cousas sinxelas ás demais agrupacións, nas dezaoito probas que tiñan lugar. Con numerosas marcas persoais e logrando manterse nas primeiras posicións en diversas probas, conseguiron sumar un total de 275.5 puntos que lle daban o segundo posto na clasificación global da xornada. Os resultados por equipos foron tamén destacados, conseguindo as rapazas a terceira posición absoluta, cos seus 152.5 puntos e os rapaces o primeiro posto, sumando 123 puntos na clasificación masculina e coroándose co título de campións galegos.

Sen dúbida, unha participación que merece ser destacada e que non tería sido posible sen a loita e o esforzo de cada unha das persoas que participastes nesta competición autonómica, nas que se inclúe o papel relevante das familias. Non podemos estar máis orgullosos/as de cada un de vós e agardamos que sigades mellorando e mantendo a vosa ilusión como atletas por moito tempo máis, pois constituídes unha parte esencial como canteira do Club. Agradecemos tamén, por suposto, a colaboración dos dous atletas SUB14 do noso equipo filial Verxel Nutrición Deportiva, por colaborar con nós nesta competición a nivel galego e axudarnos coa súa motivación. Deixamos a continuación os resultados completos das distintas categorías, para que lles botedes unha ollada e algunhas imaxes do Campionato.

GRANDE NORABOA, ATLETAS!!
Non esquezas compartir en...
Share on Facebook
Facebook
Tweet about this on Twitter
Twitter
Email this to someone
email

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *