EXCELENTES RESULTADOS EN PISTA CUBERTA E CAMPO A TRAVÉS (12 e 13 febreiro 2022)

Nova fin de semana con participación de varios atletas do Club, nesta ocasión coa vista posta no campo a través e a pista cuberta.

Na mañá do sábado celebrouse o CAMPIONATO PROVINCIAL DE CAMPO A TRAVÉS de XOGADE en Vilaba, no que o Club participaba con varias categorías que finalmente tiveron representación nas carreiras SUB12 e SUB16.

En categoría SUB12 feminina participaron Alma Prado, Xiana Farias e Eva Veiga, cunhas máis que meritorias marcas, ao igual que as que rexistraron os seus compañeiros en categoría SUB12 masculina, Ángel Pérez, Bruno Varela e Adrián Conde. A participación máis numerosa tivo lugar na categoría SUB16 feminina, con Eva Rouco, Safya Moumni, Noa Abelleira, Ilse Prado, María Mourelle, Sara Gude, Laura Raposo, Jimena Gallardo, Noa Piñeiro e Silvia Besteiro, onde destacou o 2º posto de Eva Rouco e os postos obtidos polo resto das participantes, que fixeron posible que os dous equipos do Lucus presentados á competición nesta categoría puntuaran para a clasificación final.

Ademais, os compoñentes do equipo SUB16 masculino – Teo de Frutos, César Fouce, Javier Blanco, Edgar Otero, Mateo Álvarez, Xoel Pérez e Luis Novo – entraron nuns magníficos postos que permitiu que o equipo conquistara o título de campións provinciais, que tamén conseguía Teo de Frutos a nivel individual; clasificándose como equipo para o Campionato de Galicia de Campo a través deste próximo domingo.


Por outra parte, tamén o sábado disputábase en Ourense o CAMPIONATO DE GALICIA ABSOLUTO E SUB23 de pista cubierta, no que o club tivo representación nas distintas probas, pese a baixas importantes como Miguel Pérez e Pablo Modia.

Na proba de 60 metros lisos masculinos competiu Víctor Francos cunha marca de 7.58 que, malia estar próxima a outras marcas das restantes series disputadas, impediu que puidese progresar á final. En 800 metros masculinos participou Rubén Darriba nunha serie moi lenta que só lle permitiu conseguir unha marca de 4:38.52. Nos 1.500 metros, participación de Esteban Iglesia cunha mellor marca persoal de 3:57.02 que, ademais, o levou a obter a medalla de bronce.

En 3.000 metros masculinos participaron varios atletas – Daniel Murado, Esteban Iglesia, Nicolás Arrojo e Xabier Rodríguez – destacando tanto as marcas conseguidas por varios deles como, a maiores, o segundo posto e medalla de prata para Esteban, nunha loita por conseguir a mínima para o campionato nacional dos próximos días. En 60 metros valados, cabe salientar o segundo posto e medalla de prata de Santiago Rozas na final da categoría absoluta, cun rexistro de 8.30.

En 60 metros lisos femininos, estupendos resultados para as dúas participantes, Adi Iglesias e Antía Pernas. Como primeiras das súas respectivas series, progresaron á rolda final na que conseguiron ocupar a segunda e a terceira posición, o que supón medallas de prata e bronce, respectivamente.

En 3.000 metros feminino, moi bo resultado para Laura Santos: conseguiu o primeiro posto, a súa MMP con 9:20.78 e, ademais, a participación no Campionato de España Absoluto que se disputará a última fin de semana deste mes de febreiro, tamén en Ourense. Na mesma proba, Lucía Varela conseguía o cuarto posto. Para rematar, destacou a oitava posición de Carla Mourelle no salto de lonxitude.

©Fotocarlosgrafías. Galería completa aquí.

 

MOITOS PARABÉNS A TODOS/AS!!

Dejar una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *